No marco do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto 2025, a Cátedra Cruz Roja USC outorgou o seu premio anual á curtametraxe Ser e Voltar, do director galego Xacio Baño, unha obra que destaca pola súa sensibilidade, honestidade e profundidade emocional.

Este recoñecemento enmárcase dentro do ciclo “Envellecemento: ganancias e resiliencia”, organizado pola Cátedra na Facultade de Psicoloxía da USC. O ciclo, que forma parte da sección Campus do festival, busca fomentar unha mirada crítica e empática sobre o proceso de envellecemento a través do cinema.

Ser e Voltar é unha curtametraxe documental que parte dunha premisa sinxela pero poderosa: o desexo do director de conservar un recordo audiovisual dos seus avós. O que comeza como un exercicio íntimo de memoria transfórmase nunha reflexión xeracional sobre o paso do tempo, a morte, a distancia emocional e cultural entre xeracións, e o valor das raíces.

Ser e Voltar | a film by Xacio Baño

A través dunha narrativa que combina documental e ficción, Baño constrúe un retrato conmovedor dos seus avós, quen non comprenden do todo a súa vocación cinematográfica nin as incertezas laborais da súa xeración. Con todo, o diálogo entre eles convértese nun espello onde o cineasta se enfronta ás súas propias dúbidas, decisións e anhelos. A película articúlase en dúas partes: unha máis observacional e outra máis ficcionada, na que mesmo se ensaia a morte do avó como forma de explorar o duelo anticipado e a memoria futura.

Ser e Voltar | a film by Xacio Baño

A proxección do curto tivo lugar o 12 de maio no Auditorio da Facultade de Psicoloxía, seguida dun coloquio co propio Xacio Baño, moderado polo co-director da Cátedra, Onésimo Xuncos Rabadán, e o director de produción de Curtocircuíto, José Díaz. O encontro permitiu ao público universitario e xeneral dialogar sobre os vínculos interxeracionais, a representación da vellez no cinema e o papel da arte como ferramenta de coidado e reflexión.

Con este premio, a Cátedra Cruz Roja USC reafirma o seu compromiso coa promoción de narrativas audiovisuais que dignifican a experiencia do envellecemento, visibilizan as emocións e relacións humanas, e fomentan unha cultura do respecto e a empatía cara ás persoas maiores.