Equipo

Os máximos garantes do traballo da Cátedra son o respaldo das institucións que a conforman, o know-how do equipo que a integra e unha amplia rede de colaboradores.

Composición

 

O Equipo da Cátedra Cruz Vermella integrámolo profesionais do ámbito universitario e do terceiro sector, xunto cun nutrido grupo de asesores externos que conforman o Comité Técnico Asesor e que colaboran coa Cátedra achegando os seus coñecementos e experiencia profesional en diversos ámbitos de traballo.

Leonor Varela Lema

Directora

Doutora en Farmacia pola USC e Máster en Saúde Pública (USC). Traballou durante 18 anos na Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (avalia-t; ACIS). Durante máis de 10 anos ocupou o cargo de responsable de Proxectos Internacionais no ámbito da avaliación de tecnoloxías. Nesta etapa colaborou coa Axencia Europea do Medicamento en diversas asesorías á industria sobre metodoloxía de ensaios clínicos e rexistros. Liderou dous proxectos no eido da Rede Europea para a Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (EUnetHTA) JA3 EU Project (2018-2021) e entre 2018 e 2021 formou parte do Comité Directivo da “International Scientific Society for Technology Assessment (HTAi)”. Desde 2020 é profesora da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública e actualmente é coordinadora do Programa de Doutoramento en Epidemioloxía e Saúde Pública da USC. A súa investigación céntrase nas intervencións para a promoción de hábitos de vida saudables en grupos de especial risco, ademais de continuar coa liña de investigación metodolóxica no ámbito dos ensaios e rexistros de pacientes. Foi Investigadora Principal de dous proxectos financiados competitivamente dentro da Acción Estratéxica en Saúde e do Plan Nacional sobre Drogas, e actualmente participa na Acción Conxunta da Unión Europea SAFE. Pertence ao Comité Executivo da Sociedade Española de Epidemioloxía.

Cristina Candal Pedreira

Codirectora

Doutora pola USC, Máster en Saúde Pública (USC) e Máster en Investigación Sanitaria (Universidade da Coruña). Desde 2024 é profesora na Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e, desde 2025, coordinadora da USC para a Rede de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS). A súa investigación céntrase na epidemioloxía das enfermidades crónicas e a súa relación cos factores de risco ambientais, así como na promoción de hábitos de vida saudables, ademais de manter a liña de traballo en integridade científica. É investigadora principal de dous proxectos competitivos financiados pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica e pola Acción Estratéxica en Saúde, e actualmente participa na Acción Conxunta da Unión Europea SAFE. Realizou estadías pre-doutorais e posdoutorais na Escola Nacional de Saúde Pública (Universidade Nova de Lisboa, Portugal), na School of Medicine da Universidade de Brown (Rhode Island, EUA) e na School of Medicine da Universidade de Yale (Connecticut, EUA). É coordinadora do grupo de traballo de ética da Sociedade Española de Epidemioloxía e editora de Gaceta Sanitaria e Archivos de Bronconeumología.

Trini de Lorenzo Otero

Técnica de xestión

Licenciada en Socioloxía e doutora pola UDC, investigadora predoctoral (Xunta de Galicia) e docente (UDC). Foi Persoal Técnico de Apoio (Ministerio de Economía e Competitividade) no Departamento de I+D+i da Unión Democrática de Pensionistas na Coruña, autora e coautora de diversos artigos científicos e participante como investigadora contratada ou achegada en varios proxectos de concorrencia competitiva, sendo 7 deles proxectos da Unión Europea.

Desde 2017 é responsable de proxectos de innovación social na Unidade de Innovación de Cruz Roja Galicia. Profesional especializada en innovación social e sensibilización no ámbito do envellecemento e da mellora da calidade de vida das persoas maiores, centrando o seu traballo en áreas como a autonomía dixital, a soidade non desexada, o bo trato, a accesibilidade tecnolóxica ou a participación comunitaria.

Ademais do apoio técnico na elaboración de informes e documentos institucionais que reforzan a transferencia de coñecemento entre a USC e Cruz Roja, participa no deseño de accións de sensibilización e dinamización dirixidas a persoas maiores, así como no desenvolvemento de contidos para programas de acompañamento, innovación social e alfabetización dixital no territorio galego. Finalmente, é experta‑avaliadora de proxectos presentados en diferentes convocatorias da Comisión Europea.