Presentación

A colaboración institucional entre Cruz Vermella e a Universidade de Santiago de Compostela promove a docencia, a investigación, o desenvolvemento e a innovación aplicados á mellora da calidade de vida das persoas maiores.

Desde os seus inicios o motivo que con máis forza moveu a Cruz Vermella é a atención a persoas vulnerables para paliar a súa situación, mellorar as súas condicións de vida e acompañalas en situacións de dificultade.

 

Así mesmo, en todo este tempo e mentres desenvolvemos o noso labor, fomos adquirindo un amplo coñecemento coa intención de estar á vangarda en procesos de apoio a aquelas persoas que o necesitan, e entre as cales as persoas maiores sempre foron un colectivo prioritario na nosa atención.

 

Froito desta vontade de seguir obtendo e difundindo o coñecemento, así como de promover a investigación no colectivo das persoas maiores, establecemos desde 2016 unha alianza coa Universidade de Santiago de Compostela que comporta a creación desta “Cátedra Cruz Vermella para a mellora da calidade de vida das persoas maiores” na cal unimos esforzos para un obxectivo común e definido.

 

Recoñecemos ademais na USC, unha entidade tamén centenaria, arraigada na sociedade galega pero con vocación internacional e orientada á excelencia académica, a un aliado de confianza para promover e desenvolver un coñecemento que se traduza en accións e programas que melloren o benestar da nosa sociedade, e moi especialmente das nosas persoas maiores.

 

Facemos tamén unha invitación a todas aquelas persoas que forman parte da comunidade universitaria e da sociedade a achegarse ao noso labor e coñecer o importante papel que sempre desempeñaron, e van seguir facendo nun futuro, as persoas maiores para as cales dedicamos o traballo desta Cátedra.