O pasado martes 14 de marzo o codirector da Cátedra Cruz Roja USC, Dr. Onésimo Juncos, impartiu a conferencia “Calidade de vida e soidade. Aspectos metodolóxicos para o seu estudo” no marco da xornada “Boas prácticas e novos retos ante a soidade non desexada nas persoas maiores”.

Esta xornada, organizada polo Concello da Coruña dentro do programa de actividades Coruña Acompaña, foi un encontro aberto ao público no que participou a ex ministra de Asuntos Sociais e presidenta do Observatorio de Soledad non Desexada da Fundación Once, Matilde Fernández, que debateu coa alcaldesa Inés Rey sobre os retos aos que se enfrontan as cidades do século XXI para acompañar ás persoas con 65 e máis anos.

Tamén houbo unha mesa redonda na que participaron, ademais do Concello, as entidades Cruz Vermella A Coruña, Cáritas e Renacer, que dedican unha parte importante da súa actividade para colaborar no coidado e acompañamento dos coruñeses e coruñesas de máis idade.

A xornada completouse con consellos sobre envellecemento saudable a cargo de integrantes da Real Academia de Medicina, conferencias, talleres de fisioterapia e movemento e unha actuación do cómico Xosé Antonio Touriñán.

O Dr. Juncos visibilizou as actividades da Cátedra Cruz Roja USC realizadas en 2022, destacando a nosa colaboración técnica no proxecto de innovación social desenvolvido por Cruz Vermella A Coruña e financiado polo Concello da cidade.

Este proxecto parte da hipótese de investigación de que a construción de lazos comunitarios mellorará as relacións veciñais, as relacións primarias e máis próximas, como é a veciñanza. A raíz desta hipótese estableceuse como obxectivo crear lazos de solidariedade entre as persoas para apoiar a construción dun novo modelo de comunidade. Foron obxectivos secundarios informar e sensibilizar a membros das comunidades veciñais para evidenciar a problemática da soidade non desexada en persoas maiores e a relevancia de crear lazos comunitarios, crear espazos de encontro, que faciliten a xeración de iniciativas comunitarias e deseñar e executar actividades e experiencias, con marcado carácter interxeracional, que posibiliten estreitar os lazos comunitarios.