Continuamos no noso blog cunha nova achega á serie “Contribucións do feito de estudar IV Ciclo na USC á mellora da calidade de vida“.

O meu descubrimento do IV ciclo foi totalmente casual, non o coñecía. Nunha sesión co meu psicólogo unha tarde de Setembro de 2022 comentoume que existía este ciclo na USC e que lle parecía moi interesante e ademais diso adecuado para min; convidoume a informarme.
Saín da consulta expectante e tan pronto cheguei a casa acendín o computador e busquei toda a información que había. A miña sorpresa foi maior despois de comprobar que ademais de chamar a miña atención polo que máis adiante describirei, abriuse un prazo extraordinario de matrícula que finalizaba ao día seguinte. O formato gustábame, as materias tamén, así que pola mañá presenteime na sede e formalicei a miña inscrición.

O IV Ciclo supuxo e supón un revulsivo na miña vida, forma parte do meu mundo, un mundo que creei dentro deste. Como paciente de Saúde Mental cun historial amplo e coas miñas “peculiaridades”, estes estudos procúranme algo que para min son un auténtico reto e non é outra cousa que saír da miña zona de seguridade, enfrontarme a medos, temores, inseguridades…
No meu caso non buscaba a parte social da que escoito falar á maioría dos meus compañeiros/as, senón retomar estudos que realmente me interesaban para ademais de aprender, ter a miña mente focalizada nunha actividade nova a longo prazo, esto é o máis importante para min.

No IV Ciclo temos variedade de materias, tanto da rama de Humanidades como de Ciencias, seminarios con diferentes temáticas, visitas que se organizan cos docentes así como a asistencia a conferencias, etc.
Claramente mellora a calidade da nosa vida por tanto da nosa Saúde; incluiríao na lista de hábitos saudables, de hábitos de autocoidado, tanto a nivel físico como mental, Corpo-Mente van da man. Interactúas cun abanico amplo de persoas, achegan e achegas. O coñecemento que recibes é case integral, volven á túa mente nocións que temos gardadas nalgún lugar do noso cerebro, outros os descobres ou redescubres.

Estou en segundo curso, encántame, gózoo, déixome sorprender, flúo. Para min este Ciclo é totalmente terapéutico, non perdo esto “de vista”, fai que me poña en movemento, actíveme. Sen dúbida recomendo o IV Ciclo como unha moi boa opción en aspectos básicos para a nosa saúde, o meu enfoque diríxoo así porque é a miña vivencia e foi unha das mellores eleccións que tomei para a miña vida; estamos a terminar o primeiro cuadrimestre, tivemos grandes aprendizaxes e experiencias, no meu caso da man das materias Literatura Contemporánea Española e Psicoloxía… en breve mergullareime en novos mundos: Patrimonio bibliográfico e Arquivos e Fundamentos do Dereito que pertencen ao segundo cuadrimestre, así que… volverei deixarme sorprender.

Gracias por esta tarefa. Ogallá serva de axuda ou guía para algúen!

Autora: Colaboración alumna de IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela