A fenda dixital segue sendo un dos principais factores de exclusión social, especialmente entre persoas maiores. Conscientes deste reto, a Cátedra Institucional Cruz Roja–Universidade de Santiago de Compostela volve apoiar, por segundo ano consecutivo, unha iniciativa orientada a favorecer a alfabetización dixital desde unha perspectiva interxeracional, promovendo a autonomía, a participación social e o aprendizaxe compartido: o proxecto de Aprendizaxe-Servizo InterDixitais’26.
Nesta nova edición, celebrada nunha localización diferente á do ano anterior, desenvólvense obradoiros prácticos co obxectivo de afondar en cuestións clave como a seguridade na rede e as posibles estafas, os procesos psicolóxicos implicados, a compra de billetes en plataformas de autobús ou tren, a adquisición de entradas de lecer en páxinas da contorna ou o uso e control de axentes conversacionais na vida cotiá.
As actividades, dirixidas a persoas maiores, traballan aspectos básicos pero fundamentais do día a día dixital. Cabe destacar que, durante a última sesión, prevista para o 20 de abril, explorarase o mundo dos axentes conversacionais como Alexa ou ChatGPT, exemplos claros de tecnoloxía con potencial para humanizar o día a día e abrir novas portas á autonomía dixital. Esta sesión porá o broche final a unha iniciativa que destaca polo seu enfoque práctico, humano e transformador.
Estes obradoiros para o fomento da autonomía dixital están dinamizados e liderados por estudantado dos graos de Pedagoxía, Criminoloxía e Robótica baixo a supervisión do profesorado implicado: Dra. Sonia Valladares, Dra. Julia Diz e Dra. Sabela Mallo. A actividade desenvolveuse nun ambiente participativo, con materiais adaptados e acompañamento personalizado.

A acción dá continuidade ao proxecto InterDixitais25, promovido pola USC, que xa demostrou desde a súa primeira edición o potencial da colaboración entre xeracións para reducir desigualdades dixitais e reforzar vínculos sociais. Nesta ocasión, o cambio de espazo permitiu achegar a experiencia a novas persoas participantes, ampliando así o impacto social da iniciativa.
👉 O papel da Cátedra Cruz Roja USC foi clave para facer posible esta actividade, ao contribuír de maneira directa á súa financiación. Este compromiso enmárcase na liña de traballo da Cátedra orientada á loita contra a soidade non desexada, o idadísmo e as brechas sociais asociadas ao acceso e uso da tecnoloxía.

Desde a Cátedra Cruz Roja USC reafirmamos o noso compromiso co impulso de proxectos con impacto real na vida das persoas, baseados na evidencia, na colaboración institucional e na innovación social. Iniciativas como esta amosan que a tecnoloxía, cando se acompaña e se adapta, pode converterse nunha potente aliada para o benestar e a inclusión.
Recent Comments