O estudo da Cátedra Cruz Roja USC contribúe a impulsar un modelo de supermercado inclusivo para as persoas maiores
A implantación dun modelo de supermercado máis accesible e libre de edadismo continúa avanzando grazas á colaboración entre Vegalsa‑Eroski e Cruz Vermella. Nesta segunda fase do programa, as accións formativas que están a vivir os equipos de Autoservizos Familia contan cun aval científico directo, froito do estudo “A experiencia de compra das persoas maiores en Galicia”, elaborado pola Cátedra Cruz Roja USC.
Un programa formativo sustentado en evidencia científica
O estudo da Cátedra analizou en profundidade como compran, que dificultades atopan e que esperan das tendas de proximidade as persoas maiores de 60 anos. As súas conclusións convertéronse na base para deseñar tanto o Decálogo de Boas Prácticas de Atención a Persoas Maiores como as experiencias inmersivas que Vegalsa‑Eroski está a implantar na súa rede de Autoservizos Familia.
A investigación puxo de manifesto aspectos clave que condicionan a experiencia de compra:
- a accesibilidade do espazo,
- a ergonomía do establecemento,
- a claridade da información,
- e, sobre todo, a calidade da atención persoal.
Tamén identificou barreiras frecuentes: corredores estreitos, cartelería con letra pequena, produtos en alturas difíciles, colas longas ou falta de espazos para descansar. Estes achados permitiron orientar con precisión que debía mellorarse e, sobre todo, como formar ao persoal para comprender mellor as necesidades reais do colectivo sénior.

Experiencias inmersivas que transforman a mirada
As xornadas formativas desenvolvidas por Cruz Vermella reproducen —a través dun traxe de simulación do envellecemento e doutros dispositivos específicos— limitacións físicas e sensoriais. O obxectivo é que a persoal viva en primeira persoa, entre outras:
- a dificultade para agacharse ou levantar peso,
- a perda de forza ou equilibrio,
- a fatiga respiratoria asociada a enfermidades como a EPOC,
- ou a complexidade de manipular produtos cunha soa man no caso da simulación de hemiparesia.
Estas experiencias están a demostrar ser unha ferramenta altamente eficaz: poñerse na pel das persoas maiores con patoloxías e/ou discapacidade xera empatía, mellora a comprensión do ritmo e as necesidades dalgúns clientes sénior e transforma a maneira de atender. A evidencia científica do estudo permite que o programa sexa máis que unha formación: convérteo nunha práctica coherente, sostida e orientada a mellorar realmente a accesibilidade.

Un modelo de supermercado inclusivo que nace do coñecemento
Grazas ao traballo conxunto da Cátedra Cruz Vermella USC, Cruz Vermella e Vegalsa‑Eroski, a rede de Autoservizos Familia está a integrar un modelo de atención que recoñece:
- a diversidade funcional das persoas maiores,
- a necesidade dunha comunicación clara, pausada e respectuosa,
- a importancia de evitar paternalismos e favorecer a autonomía,
- e o valor de espazos máis amigables, seguros e accesibles.
A evidencia científica do estudo permite que o proxecto non sexa só unha iniciativa de sensibilización, senón un modelo de transformación social baseado en datos, investigación e innovación, orientado a mellorar a vida das persoas maiores nos seus espazos cotiáns.
Recent Comments