Fidel Martínez Roget, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela e director do grupo de investigación métodos cuantitativos, leva máis de dúas décadas vencellado á docencia e á xestión en xerontoloxía, asumindo recentemente a dirección da Cátedra Cruz Roja Española para a mellora da calidade de vida das persoas maiores. Sentamos a conversar con el para coñecer cales son as principais liñas de traballo da Cátedra, como ten afectado a pandemia da COVID-19 a súa actividade e ao colectivo de persoas nos que está enfocada ou que retos asume a Cátedra neste particular inicio de curso. 

Cando alguén asume un novo cargo parece inevitable comezar preguntándolle como ten recibido ese encargo e con que ánimo o afronta. No teu caso concreto Fidel, como valoras esta iniciativa de Cruz Roja Española coa Universidade de Santiago de Compostela e a túa incorporación á Cátedra?

Cruz Roja Española é unha institución humanitaria sen ánimo de lucro comprometida na atención ás persoas vulnerables. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela é unha universidade pública dedicada á preservación, á xeración e á difusión de coñecemento en conexión coas demandas e retos da sociedade galega. Un dos principais retos da sociedade galega actual, nun contexto de progresivo envellecemento da poboación, é o de tratar de conseguir as mellores condicións de vida posibles para as persoas maiores, reducindo a súa vulnerabilidade. 

Mellorar a calidade de vida das persoas maiores é un obxectivo compartido por Cruz Roja Española e a Universidade de Santiago de Compostela. Neste contexto xurde a colaboración entre ámbalas dúas institucións para dar pulo á Cátedra. Particularmente asumín a dirección da Cátedra como unha enorme responsabilidade, pero ao mesmo tempo coa máxima ilusión, convencido de que as actividades que poidamos desenvolver, a través de estudos e investigacións, contribuirán a mellorar a calidade de vida dos nosos maiores e, en definitiva, a conseguir unha sociedade máis xusta e mellor. 

É coñecido por todos o labor de asistencia que Cruz Roja Española presta a persoas maiores, máis se cabe nesta situación de pandemia mundial por COVID-19 na que teñen multiplicado recursos e esforzos para dar cobertura ao colectivo máis afectado e vulnerable. No caso particular da Cátedra, como se afrontou esta situación y en que medida ten afectado as súas prioridades?

A COVID-19 ten condicionado profundamente todos os ámbitos da sociedade. Non sabemos ata onde van chegar os seus efectos e cales van ser os impactos reais, pero si estamos seguros de que os mesmos serán intensos e con repercusións a longo prazo. A COVID-19 tamén ten condicionado as prioridades da Cátedra. 

A calidade de vida é un concepto multidimensional e a pandemia ten incidido na mesma, e seguirá facéndoo, desde distintas perspectivas: a saúde, as relacións sociais ou as repercusións económicas. Entre as nosas prioridades tópase, polo tanto, analizar o impacto da COVID-19 nas distintas dimensións da calidade de vida das persoas maiores e como, ao mesmo tempo, as características dos maiores poden condicionar a intensidade de dito impacto. 

Afondando un pouco máis no eido da investigación da lonxevidade, a calidade de vida ou os recursos asistenciais, cal ou cales son os principais estudos ou actividades que desenvolve a Cátedra nesas áreas de traballo?

O noso obxectivo é contribuír a través da realización de estudos, da investigación, da formación e da difusión, á mellora da calidade de vida e do benestar das persoas maiores. Polo tanto, todas as nosas actividades toman como referencia eses obxectivo e abórdano desde unha perspectiva multidisciplinar apoiándose en disciplinas como a psicoloxía, a xerontoloxía, o ocio, ou a economía, entre outras. 

Interésanos avaliar a calidade de vida das persoas maiores e coñecer os factores determinantes da mesma, poden ser o sexo, a idade, o status económico, o entorno residencial, a soidade ou as relacións sociais, entre outras. As nosas actividades inclúen a análise demográfica, o envellecemento activo, a silver economy, ou as novas tecnoloxías como ferramentas ao servizo do benestar dos maiores. 

Cruz Roja Española e a Universidade de Santiago de Compostela únense cun obxectivo moi definido como é mellorar a calidade de vida dos nosos maiores pero, cales son as relacións que promovedes desde a Cátedra e que participación teñen outros actores ou sectores do tecido socioempresarial no cumprimento dese cometido?

Está claro que para mellorar a calidade de vida das persoas maiores é preciso tomar medidas e levar a cabo accións transversais que impliquen a todos os estamentos da sociedade. Desde a Cátedra estamos abertos a colaborar e promovemos nós mesmos a colaboración coa poboación local, as entidades sen ánimo de lucro, as empresas, as asociacións empresariais, os grupos de investigación e coas institucións de distinto nivel. Desde a Cátedra impulsamos un Comité Técnico Asesor integrado por profesionais procedentes de diversos ámbitos que, ademais de asesorarnos, impulsarán esta participación e colaboración con outros actores sociais. 

Xa para finalizar Fidel, como resumirías os principais retos que asume a Cátedra Cruz Roja Española de cara aos vindeiros anos e cales consideras que deberían ser as prioridades nun contexto de tanta incerteza como o actual?

O envellecemento da poboación é consecuencia dun dos principais logros que teñen conseguidos as sociedades modernas, reducindo a mortandade e incremento a esperanza de vida. España é o país da UE con maior esperanza de vida. Pola súa parte, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma máis envellecida de España, cunha cuarta parte da súa poboación por riba dos 65 anos. O proceso de envellecemento continuará no futuro e implica enormes retos desde diferentes puntos de vista (sanitarios, sociais, culturais, económicos, políticos, etc.) 

Sabemos que a calidade de vida das persoas maiores depende de unha ampla variedade de factores. Somos conscientes de que a COVID-19 implicará importantes consecuencias nas distintas dimensións desta. A nosa prioridade, en calquera caso, co apoio de dúas institucións como Cruz Roja Española e a Universidade de Santiago de Compostela, será a de aportar coñecemento co obxectivo de axudar á toma de decisións que permitan mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores.  

A COVID-19, e a incerteza derivada da mesma, impoñerá restricións á hora de desenvolver o noso traballo. A nosa principal prioridade, en calquera caso, co apoio de dúas institucións como Cruz Roja Española e a Universidade de Santiago, será a de aportar coñecemento co obxectivo de axudar á toma de decisións que permitan mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores.