De dereita a esquerda: Fidel Martínez Roget, director da Cátedra Cruz Roja Española-USC, Carmen Colmeiro, presidenta autonómica de Cruz Roja en Galicia, Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC e Manuel Gandoy, codirector da Cátedra Cruz Roja Española-USC.
A Cátedra Cruz Roja Española-USC presentou, o pasado 3 de decembro de 2020, os primeiros resultados dunha enquisa realizada entre a poboación de 65 e máis anos en Galicia para medir o impacto que a COVID-19 ten na súa calidade de vida, nun primeiro momento.
No acto, que tivo lugar no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela, participaron a presidenta autonómica de Cruz Roja en Galicia, Carmen Colmeiro, o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC, Gumersindo Feijoo, o director da Cátedra, Fidel Martínez Roget, e o codirector da mesma, Manuel Gandoy.
Co respaldo dunha infografía dos datos máis destacados nunha primeira lectura, desde a dirección da Cátedra Cruz Roja Española púxose de relevo a importancia que as relacións persoais teñen no benestar das persoas maiores nun escenario de pandemia mundial, que orixinou unha crise sanitaria que limita a mobilidade e as relacións interpersoais e interxeracionais, especialmente ás persoas de maior idade por ser o colectivo afectado máis severamente pola enfermidade da COVID-19. Neste sentido, Carmen Colmeiro destacou a capacidade de resistencia das persoas maiores, o fundamentais que resultan as accións solidarias da comunidade en situacións de emerxencia e a percepción que teñen sobre a súa consideración social e mediática, esta última mellorable.
Desde a dirección da Cátedra tamén se fixo especial fincapé en como a pandemia está a afectar ás diferentes dimensións que conforman a calidade de vida das persoas maiores e que, no caso dos maiores en Galicia, revela a resiliencia que amosan fronte á COVID-19 e o reforzo positivo que supoñen as relacións sociais para apuntalar a súa calidade de vida.