A alumna Roberta María Costas López, do Grao en Terapia Ocupacional da Universidade da Coruña (UDC) recibiu o diploma acreditativo de accésit ao mellor TFG do curso académico 2022-2023 polo seu traballo titulado “A institucionalización en residencias como transición: efectos na calidade de vida, ocupacións e ambientes das persoas maiores“.

O traballo, dirixido polas profas. Dra. Ana Maseda e Dra. María del Pilar Marante, contextualizouse nas residencias de maiores, xa que o ingreso nas mesmas supón unha transición para os adultos maiores, debido a que o edadismo está moi presente na nosa sociedade e esto implica que os centros de persoas maiores teñan un carácter asistencial e paternalista, producindo grandes cambios na vida das persoas. Este concepto está a se modificar actualmente, emerxendo así outro tipo de prácticas, como o envellecemento activo, no que desenvolve un papel relevante a Terapia Ocupacional. É por esto que o traballo ten como obxectivo identificar como afectan os cambios no ambiente, na calidade de vida e nas ocupacións nas persoas maiores que son institucionalizadas.

Outros obxectivos do estudo foron:

  1. Coñecer os cambios nas Actividades da Vida Diaria (AVD) dos/as usuarios/as institucionalizados/as.

2. Identificar os cambios no ambiente dos/as usuarios/as institucionalizados/as.

3. Explorar como afectan as novas ocupacións tras a institucionalización das persoas maiores.

4. Descubrir si a calidade de vida das persoas maiores cambia coa institucionalización.

Costas López (2023) levou a cabo unha revisión bibliográfica en diferentes bases de datos, a partir da cual obtivéronse 10 artigos relevantes para esta investigación, tras a aplicación dos criterios de inclusión e exclusión. Este estudo segue os cinco pasos indicados na metodoloxía proposta por Arskey e O’Malley na realización de revisións bibliográficas, e que se emprega especialmente en áreas que non foron revisadas exhaustivamente ata o momento.

A procura de información levouse a cabo en cinco diferentes bases de datos nacionais e internacionais que se nomean: Pubmed, Scopus, Web of Science, Dialnet e Scielo.

Respecto aos resultados, Costas López (2023) observou respecto á calidade de vida, que esta diminúe tras o ingreso en residencias. Dous estudos aclaran que a calidade de vida é maior nas persoas que reciben atención domiciliaria fronte ás que reciben atención en centros residenciais. Aínda así, dentro das residencias, a calidade de vida aumenta se se producen relacións sociais dentro do centro. Con todo, outros traballos non atoparon diferenzas significativas na calidade de vida das persoas tres meses despois do ingreso en residencias e non queda claro se a atención a longo prazo en comparación coa atención domiciliaria aumenta ou diminúe a calidade de vida nas persoas maiores.

En conclusión, a autora sinala que se pode afirmar que a institucionalización das persoas maiores provocará efectos sobre elas e estes poden ser tanto positivos como negativos, segundo o tipo de estudo analizado. É dicir, pódese producir un efecto positivo ao explorar novas ocupacións, novas relacións sociais ou un novo lugar onde desenvolverse e pasar o seu día a día, ou doutra banda o experimentar efectos negativos xa que estas situacións novas poden causar ansiedade, medo ou preocupación. O ingreso en residencias é unha transición que ten consecuencias nas persoas, pero non se pode afirmar que estas sexan positivas ou negativas, xa que o efecto vai depender do nivel de adaptación a novas situacións que teña cada persoa.