Na I Edición dos premios a TFG e TFM realizados nos cursos académicos 2020/2021 e 2021/2022, Esther Veiga García recibiu o premio ao mellor TFM do curso 2021-2022.

A alumna do Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, impartido na Universidade de Santiago de Compostela (USC), realizou o seu proxecto final na modalidade “Proposta de aplicación ou intervención piloto”.

Esta investigación, financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Proxecto PID2019-105052RB-I00, contou coa colaboración de Imatia Innovation e Sivsa Soluciones Informáticas.

Veiga (2022) sinala que, debido ao envellecemento poboacional e a maior esperanza de vida, é fundamental que se implementen programas de envellecemento activo que se baseen nas necesidades das persoas maiores. Para que estes programas cheguen ao máximo público posible, creáronse programas de envellecemento activo, que usan as novas tecnoloxías, como os videoxogos, para adestrar a condición física, a cognitiva e a social.
O traballo realizou un estudo piloto dunha intervención multicomponente de corte cognitivo-condutual para promover o envellecemento activo, implementada a través dun videoxogo multimedia interactivo online cunha aplicación móbil complementaria. En concreto, administrouse mediante un videoxogo multimedia interactivo online (GAMAPEA) e unha aplicación móbil complementaria.

O principal obxectivo do estudo foi analizar a viabilidade e aceptabilidade da intervención. Doutra banda, o obxectivo secundario foi avaliar, de maneira preliminar, a eficacia do programa de tratamento na saúde percibida dos participantes.

29 participantes de 45 ou máis anos (65,5% mulleres, media de idade 53,7 anos) conformaron a mostra. Recibiron unha intervención de oito módulos, adestrando técnicas de prevención da depresión, hábitos de vida saudables e estimulación cognitiva.

Entre os resultados obtidos cabe destacar que se achou unha baixa porcentaxe de abandonos (6,9%), elevada adherencia á intervención (M = 7,2 módulos completados; M = 64 minutos e 36 segundos dedicados por módulo; M = 206,2 tarefas inter-sesións realizadas), e os participantes mostráronse altamente satisfeitos (M = 26,0). Ademais, implicáronse notablemente no videoxogo (M = 39,9). Tras a intervención incrementaron a súa saúde xeral, función física, vitalidade, función social e saúde mental, con tamaños do efecto de baixo a medio (d = 0,46 – 0,76).

A implicación dos participantes coa experiencia da intervención, avaliada mediante o cuestionario UES-SF, foi elevada (puntuación total media de 39.9 sobre unha puntuación máxima de 48 puntos). Por último, observouse que tras a intervención incrementáronse de maneira significativa as puntuacións das subescalas saúde xeral, función física, vitalidade, función social e saúde mental do cuestionario SF-36, con tamaños do efecto que oscilaron entre baixo (d = 0.46 en función física) e medio (d = 0.76 en saúde mental).

Estes resultados apoiaron a viabilidade e aceptabilidade da intervención, e suxiren realizar un ensaio controlado aleatorizado.

Noraboa Esther polo teu interesante traballo!

👁️‍🗨️​