A Cátedra Institucional Cruz Roja (USC) para a mellora da calidade de vida das persoas maiores organiza o curso de formación específica e a demanda ‘Maiores e calidade de vida: soidade non desexada en adultos maiores‘. Este curso, dirixido a profesionais da Xerontoloxía e á comunidade universitaria, ten como obxectivos principais coñecer e reflexionar mediante unha visión multidisciplinar sobre a soidade nos adultos maiores así como coñecer os principais programas para combater a soidade no ámbito comunitario e socio-sanitario.
O curso, no que colaboran a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría e o proxecto europeo INVENTHEI (EIT HEI Initiative), realizouse os días 8 e 9 de xullo nas instalacións de Cruz Vermella en Santiago de Compostela e foi inaugurado polo director da Cátedra Cruz Roja USC, Arturo X. Pereiro, e o presidente de Cruz Vermella- Santiago de Compostela, José Luis Barreiro.
Na primeira xornada abordouse a temática da calidade de vida en persoas maiores da man de Miguel Ángel Vázquez, médico especialista en Xeriatría e profesor asociado na Universidade de Vigo, e Lia Araújo, investigadora en CINTESIS e o Instituto Politécnico de Viseu (Portugal) quen mostrou a evolución e resultados do proxecto Quality of life and ageing in Spain, Sweden and Portugal (QASP).

Ademais, participaron a Dra. Sacramento Pinazo da Universidade de Valencia quen fixo unha moi interesante reflexión sobre a soidade no ámbito socio-sanitario, e a Dra. Sara Marsillas, investigadora en Matia Fundaziona, quen aproximou ás persoas asistentes á realidade da soidade en persoas maiores institucionalizadas.
O curso continuará os días 15 e 16 de xullo, contando coas intervencións de Javier Yanguas, director científico do Programa de Maiores da Fundación A Caixa e director de proxectos en Aubixa Fundaziona e a Dra. Trini de Lorenzo, responsable de proxectos sociais na Unidade de Innovación de Cruz Vermella. Ademais, desde unha perspectiva internacional, o Dr. Pedro Rocha e o prof. Dr. David Facal aproximarannos, no marco do proxecto europeo INVENTHEI, aos aspectos máis relevantes da innovación tecnolóxica para combater a soidade non desexada en persoas maiores.
O curso finalizará cun taller específico sobre estratexias para evitar a soidade no ámbito institucional, que desenvolverá o Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, e o Dr. Xaime Fandiño presentará o proxecto Deteriorados, cuxo obxectivo principal é visualizar as relacións interxeracionais na vellez.

Recent Comments