Revisión bibliográfica exploratoria sobre a realidade virtual inmersiva na dor espiñal crónica en adultos maiores” é o título do TFG que recibiu o diploma de accésit honorífico 2024.

Elaborado por Ángel Martín Puente Vilares, e dirixido polas Dra. Beatriz Rodríguez Romero e Dra. Isabel Tuñas Maceiras, profesoras na Facultade de Fisioterapia (Universidade da Coruña). O obxectivo principal desta revisión exploratoria foi identificar e mapear a evidencia científica dispoñible sobre a metodoloxía de aplicación da realidade virtual inmersiva na dor espiñal crónica en adultos maiores de 65 anos.

Puente (2024) sinala que a dor espiñal crónica é altamente prevalente na poboación mundial, e supón un gran impacto na esfera biopsicosocial do individuo. Afecta principalmente á zona lumbar e cervical, e o aumento da idade é un factor de risco para sufrilo. Co avance das novas tecnoloxías, xorde a posibilidade de aplicar a realidade virtual (RV) durante intervencións activas de fisioterapia para incrementar a súa eficacia.

Tomada de Puente (2024)

Por iso, decidiu realizar unha revisión sistemática exploratoria nas bases de datos de PubMed, Scopus e Web of Science entre os meses de marzo e maio do 2024. Como criterios de inclusión establecéronse: (i) participantes: adultos ≥ 65 anos con dor espiñal crónica; (ii) que apliquen realidade virtual inmersiva; (iii) tipo de estudo: ensaios clínicos, estudos observacionais, de casos e controis, pre-post lonxitudinais; (iv) idioma: inglés ou español; (v) publicados nos últimos 10 anos. Extraéronse e analizaron variables relacionadas coas características dos estudos e coa metodoloxía de aplicación.

Tomada de Puente (2024)

Respecto aos resultados sinalar que se seleccionaron un total de 15 artigos, 10 deles ensaios clínicos aleatorizados (ECA). Os participantes dos estudos teñen unha media ou mediana de idade superior a 50 anos. As intervencións máis usadas asociadas á RV inmersiva foron a terapia cognitivo condutual, neuro-educación en dor, mindfulness, relaxación e cinesiterapia. A metodoloxía de aplicación da RV é moi heteroxénea en canto ao número, duración, tipo de sofware, características dos participantes e das intervencións. As variables medidas con maior frecuencia foron a intensidade da dor, calidade de vida e experiencia do participante. A calidade dos ensaios clínicos analizados conta cun nivel subóptimo segundo a escala PEDRO.

Como conclusións, Puente (2024) sinalou que os estudos analizados presentaban heteroxeneidade en canto tamaños de mostra, metodoloxía de aplicación e características dos participantes e intervencións. Tamén variaron en canto a número e duración das sesións. É necesaria máis investigación na poboación maior de 65 anos e con estudos de maior calidade metodolóxica.