O potencial das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) é incuestionable na mellora da vida das persoas en diferentes ámbitos como a saúde, a educación, o equilibrio económico, a accesibilidade ou a integración tecnolóxica interxeracional.
O CITIC Centro de Investigación TIC – Universidade da Coruña, en colaboración con colexios profesionais e entidades do terceiro sector de Galicia, entre as que se atopa Cruz Vermella en Galicia, presentou recentemente a Rede Galega de I+D+i de Tecnoloxías de Apoio para unha Sociedade Inclusiva.

A finalidade deste grupo de traballo interdisciplinar é poñer as TIC ao servizo de persoas maiores e con discapacidade para mellorar a súa calidade de vida. A rede, aberta a calquera iniciativa que achegue valor engadido no ámbito das TIC, encargarase de desenvolver proxectos tecnolóxicos innovadores e inclusivos.
O acto de presentación contou coa asistencia de diferentes representantes dos axentes promotores da Rede de I+D+i, e institucionais como o reitor da UDC, Julio Abalde, e o Director Xeral de Maiores e Atención Socio-Sanitaria da Xunta, Antón Acevedo.
María del Carmen Colmeiro, presidenta de Cruz Vermella en Galicia, resaltou ademais o “valor engadido do traballo colaborativo e a aposta das tecnoloxías para mellorar a calidade de vida da persoas maiores”

Robótica, alfabetización dixital, impresión 3D ou espazo marker son algúns dos ámbitos de traballo que conflúen nesta rede cuxo obxectivo é converterse en espazo de referencia a nivel autonómico e nacional que permita desenvolver proxectos que teñan como base a aplicación das TIC, avaliar tecnoloxías e ofrecer unha serie de infraestruturas singulares que permitan desenvolver proxectos ambiciosos que, de forma individual para unha entidade, sexa complicado.
Máis información en CITIC.
Recent Comments