A Universidade de Santiago de Compostela (USC) está desenvolvendo, no marco dos proxectos de innovación docente en Aprendizaxe-Servizo (ApS), o proxecto Interdixitais’25 enfocado no desenvolvemento de competencias dixitais a través de relacións interxeracionais nas áreas de ciencias da Educación, do Comportamento e da Saúde. Lucía Pérez Blanco, Fátima Fernández Feijoo, María Julia Diz López, David Facal Mayo, Manuel Gandoy Crego, Sonia Valladares Rodríguez, Carmen Gutiérrez Moar e Arturo X. Pereiro Rozas son as persoas docentes involucradas neste proxecto.

Contexto e necesidade social
O proxecto Interdixitais’25 xorde da necesidade de mellorar a capacitación dixital e a participación social das persoas maiores detectada por entidades como ASDEGAL, AGADEA e Cruz Vermella. Estas organizacións identificaron que, a pesar dos avances tecnolóxicos, moitas persoas maiores  carecen das habilidades dixitais necesarias para manterse activas e participar plenamente na sociedade. Ademais, os novos perfís de envellecemento, con maior nivel educativo e diversidade profesional, requiren intervencións máis específicas e diversas. Na súa 4ª edición, a Cátedra Cruz Vermella USC para a mellora da calidade de vida das persoas maiores asumiu o liderazgo nas tarefas de organización e xestión.

Obxectivos do proxecto
Entre os obxectivos principais de Interdixitais’25 destaca a promoción da aprendizaxe de competencias dixitais para fomentar un rol activo das persoas maiores no uso de tecnoloxías. Ademais, esta actividade pretende previr o edadismo e promover unha perspectiva do ciclo vital e favoreza a adquisición de coñecemento sobre os cambios asociados ao proceso de envellecemento. Finalmente, este proxecto ApS busca enriquecer o tecido social comunitario mediante o intercambio entre organizacións cívicas con diferentes perfís asistenciais.
O proxecto desenvolverase en varias fases, realizándose obradoiros interxeracionais presenciais desenvolvidos semanalmente desde o 17 de marzo ata o 28 de abril e que se realizan no Centro Sociocultural de Lavacolla. Estes obradoiros  para o fomento da autonomía dixital estarán dinamizados e liderados por estudantado dos graos de Pedagoxía, Enfermería, Psicoloxía e Robótica baixo a supervisión do profesorado, e no que participan persoas maiores que previamente teñen participado en actividades organizadas por AGADEA.

Resultados esperados
Os resultados esperados do proxecto ApS inclúen a mellora nas competencias dixitais e o incremento na participación social e activa das persoas maiores. Así mesmo, espérase que a actividade favoreza no estudantado a adquisición de competencias  relacionadas co traballo con persoas maiores e a sensibilización sobre as súas necesidades.

Contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
Interdixitais’25 contribúe aos ODS ao garantir o acceso universal á educación e a inclusión dixital das persoas adultas maiores, promovendo a súa participación activa na sociedade e mellorando a súa calidade de vida.

En resumo, Interdixitais’25 é un proxecto innovador que busca reducir a fenda dixital entre xeracións, empoderando ás persoas adultas maiores, favorecendo a aprendizaxe de coñecementos relevantes sobre as peculiaridades do traballo con persoas e  a sensibilización sobre a importancia dunha sociedade tecnoloxicamente inclusiva.