Esta semana publicouse a resolución definitiva do concurso de fotografía “Solidaridade interxeneracional: apoios e coidados para a mellora da calidade de vida” que convocou a Cátedra Cruz Roja USC en maio 2023.

A autora da obra gañadora, María García Rovira da comunidade universitaria da Universidade da Coruña, presentou unha obra composta por 3 fotografías.

Na composición, María fixo referencia á súa historia familiar: a da relación e os coidados entre a súa avoa e ela.

A autora sinala que o traballo gañador “está dedicado a ela, a persoa que me ensinou a querer. Nel, tento narrar o que significou para min crecer, que non é outra cousa que entender como coidar e ser coidada parécense moito na forma e convértense nun ciclo familiar. Nestas imaxes aparecen momentos de cando viviamos xuntas, cando eu funme do pobo e tamén da primavera que pasamos xuntas cando a ingresaron na unidade de queimados do Hospital A Fe. Eses días para min significaron comprender o ciclo, acompañando á miña avoa na súa dor e desorientación. Pero, sobre todo, foron días de tenrura, conciencia e gratitude. Eses tres meses, onde revivimos ao mesmo tempo toda a nosa historia anterior, foron para min unha aprendizaxe catártica onde entendín o que significaba a reciprocidade e a ambivalencia que vive no coidado, entre o doce, o duro, o lixeiro e o amargo de moitos momentos”.

Noraboa por este premio, María!