Pontes sobre o tempo: unha proposta para o tratamento da vellez nas aulas de filosofía” é o traballo gañador do premio a mellor TFM 2024 cuxa temática incide na mellora da calidade de vida das persoas maiores.

O traballo presentouse na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela para a obtención do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas. Especialidade Filosofía. A autora, Ruth Prieto Collazo, estivo tutorizada polo Dr. Xosé Luís Pastoriza Rozas.

No traballo Prieto (2024) sinala que a crecente atomización dos núcleos familiares unida á falta de políticas públicas específicas determinan que parte da poboación con 65 e máis anos pase a última etapa da súa vida en soidade ou en centros residenciais. Ademais, a tendencia ao envellecemento demográfico contrasta cun relato social lastrado de estereotipos e prexuízos cara á vellez que podemos englobar baixo os termos edadismo e gerontofobia.

Esta situación expón unha serie de problemas e desafíos que, pola súa natureza, permiten e demandan un tratamento filosófico. O estudo destas cuestións co alumnado de secundaria cobre un baleiro na didáctica da filosofía e, ao mesmo tempo, fomenta unha visión crítica sobre esta problemática social. A situación de aprendizaxe “Pontes sobre o tempo” cobre así un baleiro pedagóxico cuxo tratamento resulta crucial para o benestar futuro do alumnado. Para facelo, combina distintas metodoloxías activas entre as que destaca unha actividade de aprendizaxe-servizo que promove o encontro interxeracional. Deste xeito, ofrece unha oportunidade para adestrar as competencias cidadás a través da experiencia directa e do intercambio de saberes. Os bos resultados obtidos durante a súa implementación no Practicum II, aínda a pesares de non ser posible unha posta en práctica completa, reafirman a confianza da autora na potencialidade educativa dos proxectos de diálogo interxeracional e na necesidade de incorporar o tratamento da vellez nas aulas de filosofía.

Finalmente, Prieto (2024) subliña o feito de que os estudos xerontolóxicos están en pleno auxe debido en boa parte ás circunstancias demográficas das que nos vimos ocupando. Isto significa que esta proposta está aberta ao futuro, xa que debería irse enriquecendo cos novos descubrimentos e investigacións que se vaian producindo neste campo. Neste sentido, non debería sorprendernos que algunhas destas conclusións apunten á necesidade de corrixir os excesos da era tecnolóxica, tal e como propón a experta en bioética Lourdes Velázquez:

Debemos construir una cultura a favor de un envejecimiento saludable. Es el tiempo de las culturas nómadas que tal vez deberíamos redescubrir: culturas en las que el anciano se le confiaba la tarea de narrar y reconstruir los mitos, los acontecimientos épicos, los recuerdos individuales. Pero sobre todo culturas en las que el niño y el viejo se encuentran y construyen ese lenguaje universal de memoria y arte que da vida a los sueños, temores y esperanzas de la humanidad. (Velázquez, 2020, p. 60)