No marco dos Premios ao Mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) e Traballo de Fin de Máster (TFM), a Cátedra Cruz Roja USC quere poñer en valor a calidade e o impacto das investigacións que contribúen ao coñecemento e á mellora da atención ás persoas maiores e en situación de vulnerabilidade. Este ano, na 4ª edición, ademais dos galardóns principais, outorgáronse diplomas acreditativos de accésit honorífico a dous traballos que destacan polo seu rigor científico e relevancia social.
Accésit honorífico TFG
Autora: Paola García Bernárdez
Título: Mellora da memoria episódica inducida por tACS en persoas con deterioro cognitivo: efectos diferenciais segundo a idade cognitivo: efectos diferenciales según la edad
Este traballo, dirixido pola Dra. Susana Cid Fernández, aborda un dos retos máis importantes no ámbito do envellecemento: a preservación da memoria episódica, unha función cognitiva especialmente vulnerable nas fases iniciais do deterioro cognitivo. A investigación explora o potencial da estimulación transcraneal por corrente alterna (tACS) para modular as oscilacións cerebrais implicadas na codificación e recuperación de recordos.
Os resultados son prometedores: a tACS con acoplamento theta-gamma mostrou melloras significativas no rendemento da memoria en persoas menores de 68 anos, o que suxire que esta técnica pode ser eficaz en etapas temperás do envellecemento, cando a plasticidade cerebral aínda se mantén.
Accésit honorífico TFM
Autora: Sandra Lillo González
Título: Síntomas psicolóxicos e condutuais nas demencias: intervencións, barreiras e necesidades. Análise cualitativa do discurso de psicólogos/as residenciais.
Nunha sociedade cada vez máis envellecida, os síntomas psicolóxicos e condutuais asociados ás demencias (SPCD) representan un desafío crucial nas residencias de maiores. Este estudo cualitativo recolle a voz de psicólogos/as residenciais para comprender como se abordan estes síntomas desde intervencións non farmacolóxicas, cales son as barreiras que dificultan a súa implementación e que necesidades xorden na práctica profesional.
Entre os achados deste traballo, dirixido pola Dra. Miriam Alonso Fernández, destacan a falta de tempo e recursos, a necesidade de formación específica e o recoñecemento do labor psicolóxico nestes contornos. O estudo subliña a importancia de impulsar investigacións e accións que melloren a calidade de vida tanto das persoas con demencia como de quen as coidan.
Desde a Cátedra Cruz Roja USC felicitamos ás autoras pola súa dedicación e achegas científicas, que contribúen a avanzar na comprensión e no coidado das persoas maiores.
Recent Comments