Segundo resolución definitiva emitida polo Vicerreitorado de Transformación Dixital e Innovación (USC), resolvéronse os premios TFG e TFM para a mellora da calidade de vida das persoas maiores que, por terceiro ano consecutivo, organiza a Cátedra Cruz Roja USC.
O tribunal estivo composto por o codirector da Cátedra, Dr. Onésimo Juncos Rabadán que exerceu como presidente do tribunal; a Dra. María Xosé Rodríguez Galdo, do Comité Técnico Asesor da Cátedra e catedrática de Historia e Institucións Económicas (USC), e Dna. Rebeca Vázquez Fente, responsable de proxectos na Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia. A secretaria técnica da Cátedra Cruz Roja USC, Dra. Trini de Lorenzo, exerceu como secretaria do tribunal.
Aberto á comunidade universitaria española, presentáronse 13 traballos que tiñan por obxectivo estudar ou analizar aspectos da calidade de vida ou do benestar en persoas adultas maiores (p. ex. saúde, economía, relacións e integración social), e que se defendesen ante unha comisión de avaliación alcanzando unha cualificación mínima de 8 puntos.
- 5 pertencen a alumnado da USC (Máster Universitario en Xerontoloxía; Máster Universitario en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario; Máster Interuniversitario en Psicoxerontoloxía; Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas, e Grao en Pedagoxía).
- 2 pertencen ao alumnado da Universidade de Almería (Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas e Máster en Ciencias da Sexología).
- 2 persoas á Universidade da Coruña (Grao en Fisioterapia e Máster Universitario en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías).
- 1 alumno do Grao en Educación Social da UNED.
- 1 alumna do Grao en Psicoloxía da Universidade de Barcelona.
- 1 alumna do Grao en Psicoloxía da Universidade de Salamanca.
- 1 alumna do Grao en Educación Social da Universidade de Vigo.
Resoltos os premios da III edición, as persoas premiadas son:
PREMIO para TFG, por importe de 300€ a: Laura Morán Fernández, de la Universidad de Salamanca, por el trabajo “Determinantes de la ideación suicida en personas mayores: revisión sistemática en los últimos 5 años”.
PREMIO a TFM, por importe de 500€ a: Ruth Prieto Collazo, da USC, polo traballo titulado “Pontes sobre o tempo: unha proposta para o tratamento da vellez nas aulas de filosofía”.
Diploma acreditativo de accésit honorífico para TFG a: Ángel Martín Puente Vilares, da UDC, polo traballo “Revisión bibliográfica exploratoria sobre a realidade virtual inmersiva na dor espiñal crónica en adultos maiores”.
Diploma acreditativo de accésit honorífico para TFM a: Raquel Ortells Palop, da USC, polo traballo “Coidando en igualdade: un programa psicoeducativo para a prevención, detección e intervención en violencia de xénero en mulleres maiores para coidadoras/es formais“.
Parabéns a todas as persoas gañadoras destes premios cuxo obxectivo é contribuír á mellora da calidade de vida das persoas maiores!
Recent Comments