O ano 2022 péchase cun balance positivo en relación cos eventos e actividades organizados pola Cátedra Cruz Roja USC para a mellora da calidade de vida das persoas maiores.
Entre outras, gustaríanos destacar a participación no 32 Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría que nesta edición centrouse na atención xerontolóxica e xeriátrica: edadismo e principios éticos. A participación no Congreso Internacional consistiu, por unha banda, na colaboración de persoal adscrito á Cátedra Cruz Roja USC no Comité Organizador. Por outra, coa presentación do traballo “Impacto do COVID 19 na Calidade de Vida das Persoas Maiores: percepcións no trato recibido pola súa contorna”, en formato póster e en comunicación oral.
A comunicación oral recibiu o Premio á Mellor Comunicación Oral do Congreso Internacional da SGXX.

En maio celebrouse a mesa redonda “A calidade de vida das persoas maiores en Galicia despois da pandemia. Leccións aprendidas“. Na mesa, inaugurada polo Vicerreitor de Transformación dixital e innovación da USC, participaron o Dr. Fidel Martínez Roget, profesor da Facultade de Economía da USC; o Dr. Carlos Dosil Díaz, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC e Montserrat Sánchez-Agostino, subdirectora da Cátedra de Cronicidade da USC e coordinadora do proxecto HIGEA. No acto presentouse ademais o Plan de Actividade e os diferentes proxectos que a Cátedra Cruz Roja USC expuxo para 2022, co obxectivo de fomentar a investigación e transferencia de coñecemento sobre as persoas maiores en Galicia.

Tamén na primeira metade do ano convocáronse os seguintes premios: I Premio Certame de Curtametraxes “So-idade: Dar voz ás persoas maiores en situación de soidade non desexada”, dirixido a toda a comunidade universitaria da USC.
O Xurado considerou que a obra presentada non alcanzou un nivel de calidade adecuado, e declarou deserto tanto o primeiro como o segundo premio. En relación coa I Edición do Premio a traballos Fin de Grao e Fin de Máster, convocáronse co obxectivo de premiar aqueles traballos nos que se estuden ou analicen aspectos da calidade de vida ou do benestar en persoas adultas maiores (p. ex. saúde, economía, relacións e integración social), e que se defendesen ante unha comisión de avaliación alcanzando unha cualificación mínima de 8 puntos. Esta primeira edición estivo aberta á comunidade universitaria española, presentáronse 17 traballos de gran calidade e a resolución publicouse en decembro de 2022.

En relación cunha das prioridades da Cátedra, a formación dirixida a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, planificouse o Curso de formación específica e a demanda: Maiores e Calidade de Vida. Soledad non desexada en adultos maiores. Desenvolveuse nas instalacións de Cruz Vermella en Santiago de Compostela, os días 8-9 e 15-16 de Xullo de 2022. O curso contou con relatores cualificados e de relevancia nacional e internacional no campo da soidade non desexada en persoas maiores e as intervencións actuais na devandita problemática.

Ademais, desde finais de outubro a comezos de decembro, persoal da Cátedra Cruz Vermella USC estivo a colaborar no curso de formación denominado Senior Innovation Lab, no Centro de Estudos Avanzados da USC. Senior Innovation Lab forma parte do proxecto Innovation and Entrepreneurship in HEIs (INVENTHEI).

Mencionar tamén a colaboración no proxecto de intervención en soidade non desexada “A boa veciñanza“, financiado polo Concello da Coruña e onde o equipo da Cátedra colaborou con Cruz Vermella A Coruña asesorando ao seu equipo técnico tanto nos instrumentos para a medición dos resultados da intervención como na posterior análise de resultados e elaboración do informe final.
E, entre outras colaboracións, tamén participamos no programa Incombustibles da TVG, idea orixinal de Xaime Fandiño.

Por último, finalizamos o ano coa aprobación da proposta de marca “Cátedra Cruz Roja USC“, por parte do Consello de Goberno da USC. A nova imaxe pretende reflectir a colaboración entre Cruz Vermella e a USC co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través da investigación, a formación continua e as actividades académicas, principalmente. A proposta aprobada emprega as cores corporativas de ambas as institucións, referenciando ademais ao concepto de investigación mediante a lupa e ao de vida a través do corazón.


Recent Comments