Fai un par de anos finalizou a miña etapa laboral. Era principio de ano e decidín que como xa estaban empezadas todas as actividades eu tomábamo como “ano sabático”. Pasei por unha etapa moi gratificante dedicada á desconexión e a soltar lastre de todas as responsabilidades que conleva a vida laboral, gozar a liberdade de non ter horarios, estar sempre dispoñible para cafés, celebracións familiares, con amigos, viaxes en tempada baixa….
Foi a mediados de verán cando empecei a sentir que necesitaba encher a miña vida con algunha nova ocupación e non ter que preguntarme todos os días, que fago hoxe. Foi entón cando me chama unha compañeira e coméntame que se acaba de matricular en IV Ciclo e que finalizaba o prazo para a matrícula ao día seguinte. Estaba fose de Santiago, pero ás 10h. do seguinte día xa estaba na secretaría para realizar a matrícula e elixir as materias que quería cursar.
O primeiro día de clase acudín á facultade entre nerviosa e curiosa por coñecer aos meus compañeiros e profesores. Foi interesante porque o profesor pediunos que nos/nos presentásemos e explicásemos porque estabamos alí. A gran maioría eramos persoas que finalizaramos a etapa laboral e sentía a necesidade de continuar cunha vida activa, aprender e pasalo ben. Ese tamén era o meu caso. O non ter que preguntarme todos os días “E hoxe que fago?”. E a outra característica que me agradaba do grupo era que a maioría eramos mulleres.

O IV Ciclo para min significa, volver ter unha ocupación e aprender materias novas unhas e outras non tanto pero sen presión nin tensión senón por pracer, saír de casa as tardes de choiva de inverno, coñecer xente de ámbitos moi diversos pero que compartimos unha mesma situación e inquietudes, poder participar en seminarios aos que non tería acceso, nin me decatase da súa existencia, e participar en debates e puntos de vista distintos, facer visitas a museos, saídas de campo pola noite a ver as constelacións, estrelas, planetas….
O IV Ciclo está a servirme para gozar e apreciar máis o tempo libre porque me fai ilusión ter vacacións e que se acabe o curso, pero sei que á volta vou seguir tendo unha ocupación pracenteira e gratificante e que me vou a reencontrar de novo cos meus compañeiros. É un pouco/pouo volver á infancia e mocidade. Por todo esto estou agradecida á USC por pensar nas persoas maiores de 50 anos, que somos un colectivo cada vez máis numeroso, por brindarnos esta oportunidade de seguir aprendendo e enriquecendo esta fase da nosa vida e facer que sexa máis interesante.
Autora: Colaboración alumna de IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela
Recent Comments