Hoxe, 21 de setembro, conmemórase o Día Mundial do Alzheimer, evento establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e auspiciado por Alzheimer’s Disease Internacional (ADI) en 1994.

Baixo o lema “Integrando a Innovación”, a Confederación Española de Alzheimer expón as súas reivindicacións e propostas con motivo do Día Mundial do Alzheimer/Alzheimer 2023. A Confederación quere centrar a súa atención nunha das cuestións que considera prioritarias, pero, á vez, máis complexas nesta temática: a innovación en diversos ámbitos que abarcan tanto o alcance de novos paradigmas de investigación, terapias non farmacolóxicas, concienciación social e sinerxías con terceiros como a integración de tecnoloxías no coñecemento, atención e mellora da calidade de vida das persoas con Alzheimer.

En relación coa calidade de vida (CdV) en persoas con Alzheimer, en 2021 publicouse un exhaustivo traballo (Burks et al., 2021) cuxo obxectivo foi realizar unha revisión sistemática da bibliografía para determinar como se avaliaba a CdV en persoas de 65 anos ou máis con demencia, e identificar os factores que inflúen nas puntuacións comunicadas.

Esta revisión de artigos abordou a CdV en persoas maiores con demencia, publicados en inglés desde xaneiro do 1995 ata setembro de 2020, e incluía estudos que avaliaban a CdV involucrando a participantes de 65 anos ou máis. Identificáronse os factores sociais e clínicos que inflúen nas puntuacións de CdV.

Os resultados desta revisión mostraron que as autovaloraciones da CdV foron máis altas que as valoracións indirectas. Os factores que máis influíron nas autovaloracións da CdV foron a depresión, a deterioración funcional e a polifarmacia. Ademais, os factores comúns que influíron nas valoracións indirectas incluíron a deterioración funcional, a presenza de síntomas neuropsiquiátricos, a deterioración cognitiva e a carga da persoa coidadora.

Este traballo, en conclusión, apunta que na avaliación da CdV en persoas con demencia, tanto os autoreportes como a información proporcionada por persoas que representen á persoa con demencia poden complementarse para garantir que se aborden todas as perspectivas. Podería ser útil, por tanto, considerar tamén medidas de benestar do coidador (como a carga da persoa coidadora e/ou a depresión) cando só se utilizan puntuacións indirectas, xa que as puntuacións indirectas poden reflectir tamén o estado da persoa coidadora.

O uso de diferentes instrumentos que miden diferentes dominios mostra a complexidade de definir o que constitúe a CdV nesta poboación.

Helen B. Burks; Jude K.A. des Bordes; Riya Chadha; Holly M. Holmes; Nahid J. Rianon. Quality of Life Assessment in Older Adults with Dementia: A Systematic Review. Dement Geriatr Cogn Disord (2021) 50 (2): 103–110.