“Uns coidados sociosanitarios que promovan a calidade de vida deben ser respectuosos co mantemento da capacidade para decidir, potenciar a autonomía, e o goce da vida preservando o sentido de pertenza e utilidade.”

O xornal dixital Entremayores realizou unha entrevista ao director da Cátedra, prof. Dr. Arturo X. Pereiro, para repasar a evolución e consolidación desta iniciativa que naceu co reto de contribuír á mellora da calidade de vida das persoas sénior.

Na entrevista, o prof. Pereiro sinala que aínda que a Cátedra é aínda nova para facer un balance sobre o seu valor engadido en relación con outras iniciativas que comparten os seus ambiciosos obxectivos, si podemos asegurar que todos estes anos traballouse coa ilusión de poñer o noso gran de area proporcionando numerosas oportunidades para sensibilizar, formar e promover a investigación en ámbitos relacionados coa mellora da calidade de vida en persoas maiores, especificamente dentro da comunidade universitaria.

Ademais, abordáronse outros temas relacionados co modelo de atención ás persoas maiores, a colación do curso de verán USC organizado pola Cátedra en Lugo, en xullo de 2023. En relación co modelo de coidados e apoios a persoas maiores, o director sinalou por unha banda que aínda que tras a pandemia visibilizouse a necesidade de revisar o sistema e moitas comunidades autónomas puxeron en marcha grupos de traballo para facer valoración e propostas de cambio, non parece que polo momento se levaron a cabo cambios importantes, de certo calado, na política de coidados nin na coordinación, por exemplo, entre a asistencia sociosanitaria e sanitaria, ou entre as institucións que fan  investigación e o sector profesional. Os traballos deben seguir progresando e ter en conta as necesidades e preferencias expresadas polas propias persoas maiores. 

Por outro, en relación co deseño dos coidados futuros, Arturo X. Pereiro sinalou que aínda que ninguén discute hoxe en día que o elemento central dos coidados debe ser a propia persoa, algunhas propostas, tanto procedentes do ámbito público como privado e que realmente se fundamentan neste principio, parecen ser viables e dar bos resultados. Convén diversificar a oferta asistencial e de apoios para poder acomodala ás necesidades específicas das persoas maiores e potenciar a alternativas que eviten o desarraigamento e atrasen ao máximo a institucionalización.

O tema da soidade en persoas maiores foi outro dos temas vertebradores da entrevista. En relación con esta problemática sociosanitaria, o director da Cátedra sinala que para loitar contra a soidade e o edadismo, é imprescindible que as persoas maiores poidan seguir sentíndose integradas e socialmente conectadas dentro da súa comunidade, colaborando e achegando valor, libres de discriminacións prejuiciosas. Estas accións repercutirían na mellora da súa calidade de vida. Sinala que, en realidade, cando falamos de mellorar a calidade de vida das persoas maiores estamos a facer recomendacións que coinciden coas que fariamos para outros grupos de idade. 

🎙️​📽️​ Entrevista completa.