Parabéns por este premio á curtametraxe “Pura”, que ademais recibiu outros como o premio Supernova no mesmo Festival.

Carmen, Poderías describir brevemente o que significa recibir este recoñecemento coa túa primeira obra como directora?

Estou moi agradecida e feliz. Ademais, era a primeira vez que se proxectaba o curto na cidade onde vivo, Santiago de Compostela, e nun festival que me encanta e ao que sempre asisto como público. Sentir o agarimo da xente despois da proxección e escoitar todo o que lles transmite o curto está a ser moi bonito para min. O feito de que sexa a miña primeira vez como directora fai que toda esta viaxe sexa moi especial. Estou a gozar moito cada momento compartido co público en cada proxección.

Antes de traballar neste proxecto, achegáraste profesionalmente ao tema do envellecemento?

Non, nunca. A nivel profesional nunca me achegara a este tema.

Que che impulsou  realizar esta curtametraxe con persoas maiores como protagonistas e desde un punto de vista autobiográfico?

É a primeira vez que sentín a necesidade de contar algo. Estaba nun momento persoal delicado e sabía que tiña que volver a casa para atopar respostas. Alí estaban a miña nai e a miña avoa, dunha idade moi avanzada. Sentía que retratalas a elas, era tamén retratarme a min. A cámara actuou como disparador de emocións, de conversacións e de sensacións que moitas veces ata me sorprendían.

Descríbenos a experiencia de rodar tendo á túa nai e avoa como “actrices” protagonistas?

Foi unha experiencia marabillosa. As dúas foron moi xenerosas. Sabían que necesitaba facelo e puxéronse totalmente ao meu servizo. Estou moi agradecida. E foi algo que nunca esquecerei, porque estabamos as tres xuntas, tres xeracións de mulleres, contando a nosa historia. Compartir este curto con elas foi revelador e emocionante para min, porque ao final, o curto Pura, construímolo as tres xuntas.

Desde a túa experiencia Cales serían os elementos diferenciadores básicos do proceso de envellecer na muller, en Galicia, e especificamente, nas que viven en aldeas ou pequenos pobos?

Creo que nas aldeas e pobos pequenos hai maior calidade de vida que en calquera outro lugar. Por tanto, hai algo a nivel de alimentación e de paz que considero que axuda a envellecer dunha mellor maneira. O feito de estar nunha contorna rural e en contacto coa natureza tamén me parece positivo.

Cres que ser muller e/ou vivir no ámbito rural condiciona positiva e/ou negativamente a calidade de vida das mulleres? De que modo?

 

Como comentei anteriormente, penso que vivir nun ámbito rural condiciona dunha maneira positiva a calidade de vida das mulleres. É certo que cada vez hai menos xente nas aldeas e relacionarse con outras persoas tamén é importante para unha boa calidade de vida. Pero sen dúbida, vivir no rural en Galicia, e máis agora, con conexión a internet e mellores comunicacións, creo que é de persoas afortunadas.

Que requisitos cres que debe cumprir unha obra cinematográfica para poder contribuír a cambiar a percepción social sobre as persoas maiores, ademais dun entretemento?

Creo que é importante ser honestos co que queres contar. Transmitir a vida desas persoas con verdade, e respectalas por encima de todo. As persoas maiores viviron toda unha vida e pódennos ensinar moitas cousas. Debemos aprender deles, escoitalos, e facer que os seus últimos anos sexan coa mellor calidade de vida posible. É importante contar as súas historias desde un lugar amoroso e sen xuízo. Mostrar a súa realidade e *empatizar con ela creo que axudaría a mellorar a percepción social desta fase de vida.

Tes plans para seguir explorando temas similares en futuros traballos?

Agora mesmo non, pero me encantaría nun futuro. Fascinoume sempre conversar con persoas maiores. Teñen moito que contar e unha sabedoría e unha calma que admiro profundamente. Respecto moito ás persoas maiores, creo que son fundamentais nunha sociedade e que deberiamos coidalos e telos moito máis en conta.

Outros proxectos nos que esteas a traballar actualmente e que poidas desvelar?

Agora mesmo estou cun proxecto teatral, *As *Rhumorosas, co que estou de xira por Galicia, e teño outro proxecto audiovisual como directora nunha fase aínda moi inicial.

Moitas grazas por compartir a túa experiencia e as túas reflexións, Carmen. Foi un pracer conversar contigo. Desexámoste moito éxito nos teus futuros proxectos e esperamos seguir vendo como segues xerando impacto a través do cinema. Grazas!