Parabéns por este premio a unha curtametraxe cunha estrutura dual: por un lado, o retrato dos avós; por outro, a procura persoal. “Ser e Voltar” é un curtametraxe estreada en 2014, considerada unha das obras máis destacadas do cinema galego dese ano.
1. Xacio, poderías describir brevemente o que significa para ti recibir este recoñecemento como director?
Pois emocióname este premio a Ser e voltar, unha peza que fixen coa necesidade de facerlles un retrato aos meus avós para telos cando non estiveran. Daquela pensaba que ía ser unha película de pouco percorrido, pero foi todo o contrario: conectou con audiencias e públicos de moitos países. Iso deume un golpe de realidade, porque un non acaba nunca de valorar o que ten na casa, ou como poden ver os demais o mundo propio. E foi tamén unha maneira de devolverlles amor. Que a peza reciba recoñecementos tanto tempo despois é marabilloso.
2. Antes de traballar neste proxecto, achegáraste profesionalmente ao tema do envellecemento?
Si que fixera unha curta que ten que ver coas consecuencias de envellecer, neste caso relacionada cunha enfermidade cognitiva e como avanzaba no tempo e na vida dunha persoa, e como isto tamén mudaba aos que a acompañaban. Titúlase Anacos, e fíxena dous anos antes de Ser e voltar. Envellecer ten que ver tamén con entender o ciclo da vida, como o teu lugar vaise movendo, como as xeracións novas comezan a mover máis o mundo que a túa… Todo ese movemento interésame entendelo e confrontalo no cinema.
- Que te impulsou a realizar este curtametraxe con persoas maiores como protagonistas e desde un punto de vista tan persoal?
Fíxeno por capturalos en vídeo para a familia, facerlles un vídeo retrato, e tamén para que entenderan a que me adico eu. Eles foron campesiños toda a vida, e ter un neto adicado ao cinema era algo que non acababan (e acaban) de comprender. Así que a película era tamén para que entraran no xogo, que entenderan que é divertido, que sentiran o que pasa polo corpo cando un actúa. E cando os demais ven a película que un fai. Foi fermoso, porque froito de Ser e voltar, viñeron entrevistarnos á súa casa, e quedaron inmortalizados. Entenderon a fermosa viaxe que é facer algo e que os demais o vexan. Fai non moito, pregunteille á miña avoa que que lle gustaría ser se non fora o que foi toda a vida. Levantou a cabeza e dixo: actriz.

4. Desde a túa experiencia, que factores ou vivencias cres que contribúen á elevada resiliencia e adaptación das persoas maiores que viven en aldeas ou pequenos pobos de Galicia aos cambios asociados ao proceso de envellecer?
Son máis conscientes dos ciclos da vida, viven coa morte, viven co sacrificio, pensan nos seguintes máis que neles,… Entenden de que vai o xogo. Nas cidades temos todo moi compartimentado: o que non nos gusta nin o vemos, afastámolo das nosas vidas. Eles fano parte do día a día. E nese vivir co peso, fanlles máis conscientes do que son e do que vai vir. Por iso o xogo coa morte dentro da nosa peza: é un tema ao que volvemos moito para saber e imaxinar que vai ser despois deles.
No caso da xeración dos meus avós, tamén está o tema de que traballan ata o final, e non conciben a vida sen o traballo diario (quizais porque naceron sen redes de seguridade) . Viven sen agardar que os demais fagan por eles. Ou mellor: viven sabendo que os demais, pero os que están preto, son os que de verdade poden facerlles seguir.
5. Cres que coñecer e vivir no ámbito rural condiciona positiva e/ou negativamente a calidade de vida das persoas maiores? De que xeito?
Creo que neste momento é aínda factible vivir sendo persoa maior no rural: os servizos funcionan, tes unha ambulancia que te leva facer as probas que precises ao hospital, etc. Pero ante a concentración da xente e de servicios en grandes vilas, e o movemento do traballo cara as cidades, fan máis complicado vivir nesas zonas rurais. Eu non son un idealista de vivir no rural, creo que hai moitas cousas que xogan á contra cando vas cumprindo anos onde o coche faise imprescindible para todo (acabo de ler nas novas que vanse pechar sete escolas rurales), pero claro que o coñecemento do estilo de vida condiciona positivamente entender este modo de vida, e tamén o ben que fan a toda a sociedade que haxa xente coidando e vivindo noutras zonas lonxe das masificacións.
Pero si que creo que hai que coñecer e entender á xente do rural, a súa relación coa natureza e co medio ambiente, tamén á hora, non xa de contar unha película, senón tamén para lexislar. Os condicionantes e a mirada que se ten dende a cidade e dende a clase política sobre o rural, sobre o cal lexislan e “ordenan”, moitas veces peca de non coñecelo e toma decisións erradas.
6. Que requisitos cres que debe cumprir unha obra cinematográfica para poder contribuír a cambiar a percepción social sobre as persoas maiores, ademais de entreter?
O primeiro e escapar dos encasillamentos, dos presets, do buenismo, do riquiño, da condescendencia. Traballar personaxes ou persoas con artistas, darlles espazo para a fricción e para o conflito (tamén coa ética e cos valores). Isto axudará a introducir unha verdade no filme.
Crear personaxes complexos é a primeira norma para que nos interesemos por unha obra (moito máis, creo que, que a peripecia). Cando atopamos un personaxe complexo queremos entendelo, e nese entender, involucrámonos máis coas súas circunstancias e condicións vitais.

7. Tes plans para seguir explorando temas similares en futuros traballos?
Si que teño varios proxectos que xiran ou que teñen coma protagonistas a personas maiores, pero a miña paternidade levoume a traballar agora mesmo con proxectos máis focalizados no tema do territorio e da identidade. Coma se precisara saber quen somos, onde estamos, para poderllo compartir con el.
8. Estás a traballar noutros proxectos que poidas desvelar?
Unha das cousas que teño no corpo marcada polos veráns cos meus avós é que o mundo non espera por un. Así que sempre ando con varios proxectos abertos en distintas fases. Por exemplo estou a rematar unha longametraxe titulada Después de las ciudades, que é un filme baseado en postais escritas desde Santiago de Compostela dende hai máis de 100 anos. Un filme para entender a cidade, e para analizar a nosa necesidade de viaxar e pisar todolos lugares do mundo. Tamén ando cun filme sobre a creación do territorio da infancia, ese lugar mitolóxico que cada un constrúe con omisións, deformacións e fábula.
Moitas grazas por compartir a túa experiencia e as túas reflexións, Xacio.
Foi un pracer conversar contigo. Desexámosche moito éxito nos teus futuros proxectos e esperamos seguir vendo como segues xerando impacto a través do cinema. Grazas!
Recent Comments