O Máster Interuniversitario en Psicogerontología da Universidade de Santiago de Compostela desenvolve no marco do seu programa formativo actividades de innovación educativa denominadas Aprendizaxe e Servizo (ApS) co obxectivo de favorecer a participación social das persoas maiores, proporcionándolles a oportunidade de manter unha experiencia interxeracional e brindándolle a oportunidade de levar a cabo actividades dirixidas a mellorar o seu benestar social, cognitivo e funcional.
Esta iniciativa coincide plenamente cos plans e programas desenvolvidos por Cruz Vermella na Coruña, posto que a institución considera que ser unha persoa maior ten moitas vantaxes que fan desta etapa unha experiencia valiosa e enriquecedora, e así o visibilizan na súa última campaña de sensibilización que leva por lema #SerMayorEsLoMás. A través desta campaña Cruz Vermella, e en concreto Cruz Vermella na Coruña, quere sensibilizar e transmitir o que as persoas maiores achegan á sociedade grazas aos seus anos de experiencia.
Froito destes intereses comúns a ambas as entidades, a Cátedra Cruz Vermella USC, dando cumprimento a varios dos seus obxectivos de colaboración coa USC en todo aquello que favoreza a formación integral do alumnado e fomentando proxectos de innovación acordes coas liñas de intervención de Cruz Vermella, participa na organización e xestión deste proxecto de innovación educativa en ApS.
Esta mañá realizouse na asemblea de Cruz Vermella en Santiago de Compostela a 1.º sesión de “Tecendo Lazos”, actividade de ApS organizada pola profa. Dra. Cristina Lojo, da Facultade de Psicoloxía da USC.
“Tecendo Lazos” pretende que o alumnado logre detectar e reflexionar sobre o desenvolvemento cognitivo-funcional, afectivo-emocional e psicosocial no envellecemento, acompañar ás persoas maiores beneficiándose dunha experiencia interxeracional e finalmente deseñar actividades de intervención centradas nas persoas participantes. Pola súa banda, as persoas maiores participantes, usuarias de Cruz Vermella na Coruña, tamén se poden ver beneficiadas desta experiencia que promove un envellecemento activo e as súas consecuencias positivas a nivel afectivo (aumentando a autoestima, por exemplo), cognitivo e na socialización das persoas participantes, favorecendo o intercambio de experiencias e estimulando as capacidades cognitivas.
Nesta edición, 3 persoas maiores de 65 anos, participantes de diferentes proxectos na asemblea de Cruz Vermella en Santiago de Compostela, e 3 alumnas do Máster Interuniversitario en Psicogerontología poderán intercambiar durante os meses de outubro e novembro aprendizaxes, experiencias, etc. Esperamos que para as 6 persoas involucradas sexa unha actividade proveitosa.
Recent Comments